Enerdixital presentará as oportunidades da Intelixencia Artificial nos sectores industrial e enerxético
A profunda transformación da Intelixencia Artificial sobre os sectores enerxético e industrial de Galicia será un dos eixos principais do Congreso Enerdixital, un foro de debate organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) que terá lugar do 9 ao 10 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago. “As nosas empresas teñen que entender que a Intelixencia Artificial é unha oportunidade, non un perigo”, asegura Oriol Sarmiento Díez, xerente de Cluergal, “polo que durante eses días contaremos cos mellores expertos que nos explicarán como evoluciona esta tecnoloxía e como a súa aplicación nos sectores industrial e enerxético ofrece oportunidades sen precedentes para optimizar procesos, reducir costos e mellorar a eficiencia operativa das empresas galegas”.
E é que o potencial da Intelixencia Artificial é tal que está creando un auténtico tsunami en diferentes sectores, especialmente no industrial e no enerxético. Ata o punto de que moitos expertos consideran que se trata dunha auténtica revolución ao nivel que supuxo no seu día a máquina de vapor, a electricidade ou a introdución da informática. “No sector industrial, a IA está revolucionando a forma en que se deseñan, fabrican e xestionan os produtos. Desde a automatización avanzada ata o mantemento predictivo, as tecnoloxías baseadas en IA están permitindo unha maior precisión, flexibilidade e personalización nas cadeas de produción”, exemplifica Sarmiento Díez.
Sector enerxético
Unha transformación igualmente significativa se está producindo no sector enerxético, “onde as solucións de Intelixencia Artificial están optimizando a xeración, distribución e consumo de enerxía, facilitando a transición cara fontes renovables e mellorando a xestión da rede eléctrica. De todo iso trataremos en Enerdixital da man dos maiores expertos na materia”, adianta o xerente de Cluergal.
Así, durante Enerdixital presentaranse tanto aplicacións da IA no sector enerxético como casos prácticos sobre a súa utilización para, por exemplo, comunidades enerxéticas ou protección da avifauna nos parques eólicos. E é que o uso da Intelixencia Artificial está permitindo desenvolver novos materiais, reducir os costes de mantemento, mellorar a eficiencia operativa e incluso optimizar o uso da enerxía.
De feito, a utilización de IA resulta fundamental para integrar as enerxías renovables, estabilizar as redes e establecer un equilibrio entre produción e consumo eléctricos, axudando a deseñar unha rede que minimice as perdas de transmisión e maximice a eficiencia en función da demanda da enerxía e a densidade da poboación. Ademais, a IA pode analizar datos en tempo real de baterías, centrais hidroeléctricas de bombeo ou tanques de almacenamento eléctrico. Un sector, o da demanda de centros de datos, que crece de forma exponencial da man da IA e onde se estima que a demanda de grupos electróxenos ou sistemas de subministro de enerxía ininterrumpida vinculada aos Data Centers experimentará un crecemento anual superior ao 10% ata o 2030, cunha cifra de negocio mundial por riba dos 400 billóns de euros.
“Galicia está avanzando en materia de transformación dixital, pero aínda queda moito por facer, e unha das tecnoloxías con máis potencial é a da Intelixencia Artificial. É algo que aínda lles custa ás empresas galegas por descoñecemento de todo o potencial que ten a intelixencia artificial. Con Enerdixital pretendemos romper ese descoñecemento e que as empresas e os empresarios de Galicia se decanten de que a IA é unha gran oportunidade, non un perigo”.
Transición enerxética e dixitalización
A transición enerxética e a dixitalización dos sectores enerxético e industrial serán os outros dous eixos de debate no congreso Enerdixital. Así, a Cidade da Cultura de Santiago acollerá a presentación dos principais avances ata a fecha no cambio de modelo enerxético, mobilidade eléctrica ou alumeado público. Ademais, debaterase sobre outras tecnoloxías como a ciberseguridade ou a realidade virtual, innovacións na xestión de sistemas enerxéticos híbridos, dixitalización de redes eléctricas e se presentarán casos prácticos de éxito de dixitalización en empresas como Navantia ou Reganosa.
Enerdixital converterá a Compostela no punto de encontro dos mellores profesionais e das empresas máis innovadoras de España, que aproveitarán este foro para presentar ante máis de 300 especialistas os últimos avances destes sectores claves para o presente e o futuro de Galicia (enerxía, industria e dixitalización) e que se atopan nun estado de innovación permanente. A maiores contará con espazos para realizar contactos entre profesionais, empresas, administracións e público en xeral.
Toda a información sobre o programa de ponencias que se desenvolverá na Cidade da Cultura do 9 ao 10 de outubro está dispoñible na páxina web do congreso: https://enerdixital.com/programa-2024